a casa de maripazos

esta é a casa de maripazos. maripazos son eu: unha tola que gosta de rir. se queredes coñecerme, entrade á miña casa

3.3.05

lydie

Lydie é unha amiga bretona coa que me carteo via e-mail. Tanta modernidade e unha acaba facendo o mesmo que hai anos, só que en soporte electrónico! Ben, o caso é que Lydie padece fibromialxia. E está bastante débil. Tén sobre 45 anos e apenas pode escribir. E, a pesares deso, adica case toda a súa existencia a manter correspondencia con xentes de todo o mundo e as súas cartas son alentadoras, ledas, cheas de vida.
Ao pouco de coñecérmonos, via internet, houbo un malentendido entre Lydie e máis eu, a causa da lingua. Ela escribe en francés e, inda que eu son capaz de entendelo e falalo con soltura, sempre hai frases feitas ou ditos que podo chegar a non entender. Ou mellor dito, a malentender. O caso é que despois de ler unha frase que me pareceu ofensiva, escribinlle bastante enfadada para reprocharlle o dito. E ela deume unha lección. Eu entendera mal, pero non me parei a reler para asegurarme de que era eso o que ela quería dicir, non esperei un tempo prudencial para eliminar a miña ira instantánea, e, o máis importante, non lle preguntei porqué nin lle pedín unha explicación, senón que directamente, o que fixen foi chuspir o meu enfado. Moi mal feito. Ao pouco tempo recibin unha carta súa, de puño e letra (co que a ela lle costa escribir), chea de ánimos, desculpas, e ledicia. E eu traguei toda a miña ira, porque desta volta o enfado era comigo mesma.
Pero fun capaz de darme conta de que, dixera eu o que dixera, ela non ia perder tempo en continuar unha discusión iniciada por un malentendido, senón que pediu desculpas se algo me ofendera e continuou coa súa correspondencia leda e alentadora.

Antes de enfadarnos, contemos ata 10, pensemos, botemos un sorriso e continuemos vivindo, que temos pouco tempo.

Mil bicos.